O Manifesto do Deseño de Contido

Por que este documento

Queremos axudar a todos a comprender quen somos as/os deseñadoras/es de contido, como traballamos, que impacto ten o noso traballo e que futuro queremos construir para a nosa disciplina. Agardamos que isto se traduza nunha maior visibilidade e recoñecemento para as/os deseñadoras/es de contido, para as organizacións nas que traballamos e para as persoas que usan os produtos que deseñamos.

Quen somos

Somos deseñadoras/es de contido e compartimos a responsabilidade dos procesos de deseño da experiencia da persoa usuaria (UX). O noso traballo consiste en deseñar experiencias claras e significativas para as persoas que as usan. A claridade e o significado teñen un impacto positivo no negocio das nosas organizacións.

As nosas habilidades e perspectivas son únicas nos nosos equipos e permítennos asegurar que o contido da experiencia sexa preciso, útil e inclusivo para cada persoa—onde, como e cando o necesiten.

Como traballamos

Somos unha das disciplinas que compoñem o deseño UX. O noso traballo está fundamentado en datos, investigación, estratexia, obxectivos de negocio e unha comprensión profunda do comportamento humano.

Traballamos coas diferentes áreas de produto e cun amplo abano de colaboradores, e xuntos analizamos ata o mínimo detalle. Conectamos coas/os nosas/os clientas/es e colaboramos cos equipos de enxeñaría, investigación, xestión de produto, deseño de produto, marketing e atención ao cliente, así como cos equipos xurídicos, altos cargos e directivos.

O que sabemos

  1. O contido aporta valor. As organizacións non poden crear experiencias para as persoas sen o contido desa experiencia. Como deseñadoras/es de contido, axudamos a reducir os gastos e aumentar os ingresos, influíndo nas métricas de participación, conversión, adopción, retención, satisfacción e afinidade coa marca, entre outras. Ademáis, reducimos o risco, garantimos a calidade e melloramos a accesibilidade e a inclusión, facilitamos a descuberta e influímos na experiencia das persoas usuarias.
  2. O deseño de contido vai máis alá de escribir palabras. Deseñamos en sistemas para garantir un contido coherente, ético e de alta calidade que reflicta a forma de pensar das persoas. Creamos ferramentas como a voz da marca, sistemas de deseño de contido, modelos conceptuais, procesos de gobernanza, investigación centrada no contido e terminoloxía.
  3. Contar con datos de calidade permite un bo deseño de contido. O deseño de contido require unha comprensión profunda das persoas, das súas necesidades e das oportunidades de negocio. Como calquer outra disciplina de deseño, o deseño de contido mellora coa iteración informada por datos.
  4. Os detalles importan. Analizamos rigorosamente cada detalle do contido e da súa comunicación, porque é importante para a experiencia da audiencia co produto.
  5. As ferramentas que facilitan o uso da lingua axudan ás/aos deseñadoras/es de contido. Aproveitamos as posibilidades que nos ofrecen os grandes modelos de linguaxe, os correctores ortográficos e gramaticais e outras ferramentas, xa que nos axudan a realizar as tarefas máis pesadas e repetitivas. Así podemos centrarnos no impacto estratéxico.
  6. Os defectos de UX non se poden arranxar con palabras. As/os deseñadoras/es de contido facemos preguntas importantes, realizamos investigación e deseñamos de xeito iterativo para detectar e corrixir problemas subxacentes no deseño e na estratexia do produto, mesmo cando as palabras non poden resolver o problema.
  7. O deseño de contido está presente desde o concepto do produto ata o seu lanzamento. O noso valor radica na profundidade e calidade das nosas aportacións. Cando participamos no proceso de deseño desde o comezo e se se nos dá tempo para traballar é cando máis valor aportamos.
  8. A nosa comunidade é inclusiva. Contratamos, mentoramos, apoiamos e educamos a deseñadoras/es de contido para que a nosa comunidade reflicta e sirva ás poboacións de todo o mundo.

Cara onde imos

Esta é a dirección cara onde queremos levar o deseño de contido nos próximos anos. Aínda que a nivel individual as/os deseñadoras/es de contido non temos control sobre estes obxectivos, como grupo podemos contribuír ao cambio nesta dirección escollendo os proxectos, empresas e prioridades nas que traballamos.

  1. As/os deseñadoras/es de contido, tanto empregadas/os como colaboradoras/es externos, terán un salario competitivo. As nosas habilidades e capacidades son comparables aos profesionais do deseño de produtos e investigación de UX, pero con produtos finais diferentes. Moitas empresas xa pagan o mesmo a todos os roles de UX.
  2. As/os deseñadoras/es de contido liderarán proxectos de deseño de produtos. O liderado estratéxico de deseño é unha habilidade que compartimos cos nosos compañeiros deseñadores de produtos e investigadores de UX, axudados polas nosas habilidades lingüísticas. Algúns proxectos será mellor abordalos partindo do deseño visual, e outros partindo do contido. O profesional máis axeitado para cada un será o que tome o liderado do proxecto.
  3. As/os responsables de deseño de contido serán recoñecidos como líderes transversais. Liderar e xestionar equipos son habilidades que compartimos coas persoas responsables de deseño e de investigación de UX, e, ademáis, contamos con habilidades lingüísticas.
  4. As/os deseñadoras/es de contido darán prioridade aos proxectos estratéxicos de alto impacto. Máis aló da súa importancia estética, o deseño de contido é fundamental para a UX. As/os deseñadoras/es de contido traballan de principio a fin como profesionais estratéxicos de UX.
  5. O acceso á profesión de deseño de contido ampliarase. Promovemos oportunidades para as persoas que buscan comezar, creando posicións júnior, atraendo a persoas que desexan cambiar de carreira e traballando para promocionar recursos e programas de certificación de calidade.
  6. Reduciremos a pegada de carbono do contido dixital. Procuramos equilibrar as necesidades do noso público co noso impacto no planeta. O noso traballo contribúe aos esforzos que melloran a sustentabilidade e reducen os danos ambientais.

Sobre este manifesto

Sinaturas

As sinaturas foron movidas á súa propia páxina, xa que as longas listas dificultaban o uso desta páxina.

ÚLTIMA ACTUALIZACIÓN 24 de maio de 2023

Traducido por Carlos Alonso